jueves, 6 de noviembre de 2008

Grandes Imperios, Pequenas Nacions

Desta vez non vou ser eu quen extraía do libro "Grandes Imperios, Pequenas Nacións" aquelas frases máis representativas das ideas que trata de transmitir o autor, Josép M. Colomer, porque xa o fixo el a modo de sumario. É posible que eu engadise algunhas ou eliminase otras, maís o autor o que pretende con estas ideas é artellar a columna vertebral sobre a que xira a súa obra e non son eu quen para levarlle a contraria. Aí van:
  • O número de países independentes triplicouse en cincuenta anos, de modo que se reduciu o tamaño das nacións.
  • O autogoberno dunha comunidade pequena é actualmente posible sen un exercito propio, fronteiras nin aduanas, e dicir, sen ter un estado soberano.
  • Son os mercados e os bens públicos de amplia escala provistos por vastos imperios os que fan que unha pequena nación sexa viable.
  • Máis de dous tercios da poboación mundial viven nos dez grandes imperios
  • Os niveis relativos de persoal armado e de gasto militar no mundo son os máis baixos dende fai séculos.
  • Non hai globalización, senón varios eidos de mercado de tamaño imperial.
  • A maioría da xente do mundo é plurilingüe.
  • Os estados tradicionais ó estilo europeo son demasiado pequenos para a seguridade, o comercio e a comunicación e demasiado grandes para o autogoberno democrático.
  • As nacións pequenas son máis democráticas que as grandes; entr os grandes estados, os federais son moito máis democráticos que os centralizados.
  • A maior parte de América do norte, Rusia e Asia foron alleas ó modelo westfaliano e europeo de estados soberanos.
  • En moitos casos en África, América Latina e a rexión árabe a idea mesma de Estado foise frustrando porque os gobernos non ten monopolio interno nin soberanía extena.
  • A dotrina americana de asuntos exteriores postula a democratización como a mellor vía para a paz internacional, pero a democracia non require precisamente estados soberanos.
  • A pacificación de Oriente Próximo tería máis éxito co establecemento dunha Unión Árabe que promovera a cooperación económica e de seguridade.
  • Estados Unidos é unha especie de Imperio sen imperialistas.
  • A Unión Europea é un imperio democrático: expansivo, diverso no territorio e con gobernanza a múltiples niveis.
  • Coa integración económica transnacional, aumenta a especialización e as diferencias rexionais.
  • O federalismo e a descentralización dos grandes estados europeos non comportan homoseneidade, senon diversificación.
  • En Europa e outras áreas impeiais, a diferencia de feito entre a independencia formal e a autonomía das pequenas nacións é unha cuestión de grado.
  • España é o caso máis claro de intento fallido na construcción dun gran estado nacional en Europa.
  • O estado español xa non é o que era e xa non será o que puido ter sido e non foi.
  • O establecemento da democracia en España, en lugar de axudar a construcción dun estado nacional, favoreceu a integración nun gran imperio e o desenrolo das pequenas nacións.
  • Catalunya é demasiado pequena pra gobernar España, pero demasiado grande pra desentenderse dela.
  • Euskadi, por tamaño, é unha nación viable, pero está dividida internamente en duas comunidades.
  • Hoxe a soberanía consiste en ter un lugar na mesa da Unión Europea.

jueves, 23 de octubre de 2008

LEO, LEO,..

Últimamente cústame sinalar un só libro e rescatar del aquelas aportacións que me resultan máis interesantes. A razón é que estou lendo demasiados libros a vez. No apartado de economía comencei a ler a principios de agosto "Curso de Bolsa e mercados financieiros" de José Luis Sánchez Fernández de de Valderrama, ideal para coñecer as razóns deste mercado convulso; recentemente, o abeiro dos premios Novel, descubrín a faceta literaria de Paul Krugman, premio Novel de Economía 2008 -o cal coñecía únicamente polos seus artigos no diario El País-, así que me fixen coa súa derradeira obra: "Despois de Bush: a fin dos neocón e a hora dos demócratas". Tampouco puiden evitar porme con el.

Entre a económía e a política -podería ser economía-política- está "Europa: O continente pensado" de Camilo Nogueira onde o autor debulla a construcción Europea e sinala os retos políticos que lle agardan. No apartado de política interésame especialmente a nova ola participatica que está a mudar a forma de facer política nos concellos. Trátase dun novo salto nas liberdades do cidadán, a última revolucuión política: os presupostos participativos. Para entender mellor o funcionamento deste fenómeno merquei o libro de Boaventura Sousa Santos, "Democracia e participación: o exemplo do presuposto participativo de Porto Alegre", cidade na que comenzou a aplicarse este sistema polo Alcalde do Partido dos Traballadores, Tarzo Genro, aló polo ano 1989. Pendente de iniciar a súa lectura, e iso que é o que me corre máis presa, para poder presentar un ensaio crítico en decembro, é "Grandes imperios, pequenas nacións" de Josep M. Colomer. Terei que aparcalos todos para poder acabalo a tempo.

Otro libro que estou lendo, este relacionado coa psicoloxía, é "Intelixencia Emocional" de Daniel Goleman, un ensaio sobre como o coeficiente emocional influe no devir de cada individuo por encima do coeficiente intelectual. Recentemente, para un debate sobre psicoloxía social, tiven que ler varios ensaios, artigos e un relato. Ese relato é "Só viñen a chamar por teléfono", de Gabriel García Márquez. Tratábase de dilucidar a fronterira entre o que a sociedade considera "normal" ou "fora do normal". Por suposto, recomendo seguir a ligazón e ler o relato.


martes, 16 de septiembre de 2008

GALIZA NA UNIÓN. A PORTA ATLÁNTICA

En Galiza na Unión. A porta Atlántica Camilo Nogueira fai un reconto dos pros e contas que supuxeron para Galiza a entrada na Unión Europea, daquela Comunidade Económica Europea. Fai tamén unha singular comparación entre Galiza e Irlanda, países que teñen características que lles son comúns: territorio, poboación, sectores productivos,...; pero tamén algo que as diferencia: unha está vencellada a Europa como nación, Irlanda, e outra, Galiza, non. A evolución económica e social dun e outro povo irá moi ligado a dita condición. O certo é que a Unión Europea, hoxe en día, é un espazo aberto e cheo de oportunidades. Compre recuperar o tempo desperdiciado.

Galiza na Unión. A Porta Atántica
Camilo Nogueira

Outras ensinanzas do autor:
  • A consciencia de Galiza como nación europea estaba nos galegistas do tempo da emerxencia das nacións de mediados do século XIX e no rexurdimento galegista de entre dous séculos, formando parte tamén do pensamento e da acción das irmandades da fala e do Partido Galegista da primeira metade do Século XX.
  • Manuel Murguía fundamentou as aspiracións nacionais de Galiza no carácter céltico que a relacionaba cos países atlánticos de Europa, e no pasado suevo, considerando a etnia e a cultura como base da nación (...), coidando que a Patria é antes que nada a consciencia de Patria (...) e expresando o dereito de cada nación de dispor libremente do seu destino.
  • Instaurar a paz e a liberdade, permanentes na humanidade, (é un) ideal que endexamais se poderá realizar, mentras uns povos vivan de asoballar a outros, Castelao dixit.
  • De acordo con Otero (Ramón Otero Pedrayo) o galegismo participaba dunha idea na que a liberdade dos galegos coincidiría coa "liberación de Galicia en ben de Europa" e tamén do mundo.
  • O lider nacionalista galego (en referencia a Castelao) aseguraba que "os farautes do Federalismo europeo aínda non son auténticos federalistas, porque para selo sería preciso que pensaran máis nas nacións e menos nos estados".
  • Mal amariamos a humanidade se non comezamos amando a nosa Patria.
  • Se Galiza fose un Estado tería sido considerada a súa situación socio-económica específica.
  • En tanto que institucións de governo doutras CCAA movían as súas pezas para situárense cun poder propio tanto político como económico no tempo do esvaemento das fronteiras europeas, a Xunta careceu de toda iniciativa que non fora de esperar favores que non chegarían e que de chegaren faríano en forma de cativas esmolas.
  • Entre tanto Irlanda era un sitio distinto. Un Estado de dimensión semellante a Galiza, contando en 1988 cunha renda por habitante non moi diferente (...), pasou a ser o de maior renda relativa (...) só superado por Luxemburgo. (...) O crecemento irlandés foi o resultado da plena utilización como estado dos Fondos Estruturais e de Cohesión procedentes da UE ao servizo dun proxecto nacional no desenvolvemento industrial, a educación e a investigación, algo que en Galiza non existiu.
  • Non faltou quen, desde o governo galego, daquela do mesmo signo político que o de Madrid, defendera a política de mobilidade co argumento impertinente da liberdade individual dos traballadores galegos.
  • Para Xavier Vence a política de administrar rutineiramente os recursos limitándose a esparexelos entre a miríade de intereses cativos ou a facer obras de dubidosa rendabilidade social impediu tratar os problemas estratéxicos do país.
  • A actitude autista do governo galego reproduciríasse no tocante a industria de transformación do leite. Nen apoiou seriamente a criazón dun grupo lácteo galego, nen promoveu a instalación en Galiza das empresas que se nutrían no país (respecto a isto hai que dicir que non temos mellorado moito nestes últimos anos)
  • Non se pode obviar que a consolidaión e expansión dos cultivos mariños en Galiza estarán especial e crecentemente ligadas a necesidade de solucionar os problemas medioambientais que poidan causar.
  • Estando presente na Unión Europea, e fronte á ideoloxía do Estado español, Galiza pode expresar mellor o seu caracter de nación e a realidade internacinal, diferencial e independente do mesmo. Pode manifestar mellor a identidade lingüística que a singulariza, para alén do Estado español (...). Dentro da Unión é posibel unha nova pedagoxía sobre Galiza como nación emancipada e sen fronteiras.
  • Os Estados están máis dispostos a transferiren competencias de soberanía á UE que a darlle carta de natureza as nacións internas.
  • As posibilidades do traballo en común poden resultar especialmente acrecentadas se as duas nacións (Portugal e Galiza) se recoñecen como un territorio lingüístico e cultural común, que singularice e diferencie os seus caracteres.
  • Empresarios galegos teñen paradoxalmente a tentación de relacionarénse cos portugueses en castelán, e portugueses, suxeitos tamén a un prexuicio histórico a respecto de Galiza e de España, a aceptaren como norma tan inculta anomalía.
  • Cada lingua contén, articula e transmite non só unha carga única de memoria vivida, tamén unha enerxía construtora de tempos futuros, unha potencialidade para o mañá. A morte dunha lingua é irreparabel e diminue as posibilidades do home, sendo inadmisibel e contraria ao xenio de Europa que está vencellado a diversidade lingüística, cultural e social. George Steiner.
  • A conveniencia dun prudente e se se quere demorado, mais inequívoco, cambio de rumbo sobre a lingua, non ten que ver só coa normalización do seu uso, senón tamén coa conservación e mellora da súa calidade.
  • Non está de máis imaxinar o que proporían hoxe, sabendo o que firmaron e estando en circunstancias infinitamente máis favorabeis que as que lles tocaron vivir, precursores como Sarmiento, Murguía e Castelao.

lunes, 8 de septiembre de 2008

POR UNHA GALIZA LIBERADA E NOVOS ENSAIOS

Recentemente, hai xa máis dun mes, fíxose pública a reedición da obra de Xosé Manuel Beiras Torrado publicada no ano 1984 (máis informaición aquí), Por unha Galiza liberada. Ensaios en economía e política, agora titulada Por unha Galiza liberada e novos ensaios (en economía e política). Vinte e catro anos depois da sua primeira publicación -moitos máis dende a elaboración de algúns dos seus ensaios- a obra de Xosé Manuel Beiras segue a ser un espello da realidade social, económica e política galega actual -nalgo si melloramos, pero non tanto-. É de agradecer, sobre todo, que o autor se manteña, hoxe en día, fiel os principios que noutrora defendeu. Para min non hai dúbida: Galiza perdeu a oportunidade de ter o mellor presidente que endexamais podería ter tido. Agora como é costume vou citar algúnhas das ideas coas que máis me identifico dentro desta obra:

Por unha Galiza Liberada
Xosé Manuel Beiras

  • As mágoas de Galiza non proveñen da desunión dos galegos, senón "da cega subordinación ó poder central, da falla das liberdades locais e da explotación das forzas productoras rexionais polos parásitos da burocracia parlamentaria".
  • Casta dos Celtas ¡esperta axiña! ¿Érguete do fango da Escravitú!: así empeza o coñecido poema de Brañas que leva por título o lema da sublebación irmandiña Deus Fratesque Gallaecia.
  • Eu, persoalmente e polo que me acae, non tento apropiarme ren: analizo valoro e escolmo (...) Ainda non conseguimos nin a sombra do que os devanceiros arelaran.
  • A inocencia dos xustos, a pureza dos bos e xenerosos e a determinación dos ousados que cumprían para ser, nas ideas e na conduta, nacionalista galego cerne na circunstancia de Bóveda e máis tamén despois. (...) As mulleres e os homes galegos, un pobo e áis unha cultura no rego da historia.
  • E dille Antigona a Creón en Sófocles, ante a presenza amedoñada do Coro: "Todos estes dirían que o que fixen é do seu agrado, se o medo non lles pexara a lingua. Mais os tiranos teñen esta e moitas outras ventaxas, e élles permitido faceren e diciren canto queiran".
  • ¡Que tempos, que até os obreiros len o periódico!, e que o Bóveda comentaba: "Alí comezou a miña vida política".
  • Adóitase con demasiada frecuencia e en demasiados ambientes caer en simplismos só explicábeis por ignorancia, esquematismo mental ou inmadurez (...) A min os simplismos danme risa ou lástima, segundo os casos...
  • Razón tiña unha vez máis Castelao en afirmar que Galiza non encaixaba nin tiña lugar de seu na lei xeral do Estado español. (...) "¡Pois deixádenos valer polos nosos medios, largade o adival co que nos tendes amarrado ao voso carro!"
  • As últimas palabras escribiunas deica hoxe -en referencia a Bóveda-, con debuxo e pé de Castelao: "A derradeira lección do mestre"; "Non enterran cadáveres, enterran semente". Non as esquezades, non as traizoedes. Non o esquezamos, non o traizoemos.
  • Os labregos ven o Estado en figura de recadador de contribucións. Témenlle á xustiza oficial, porque nunca se lexislou para eles. Por eso necesitan un cacique que os liberte das inxustizas da lei e das liortas abogadescas...
  • "A vaca galega ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid" - ironiza Castelao.
  • Preocupoume sempre un algo a indefensión dos mortos. (...) Fanme lembrar aquilo que Castelao puña dunha personaxe mendiño da sua creación: "Os pobres andamos polo mundo expostos a todo".
  • Na obra de Marx, a economía é unha ciencia social, unha explicación teórica da sociedade a partir dunha caste de relacións sociais, as relacións económicas, as relacións que se establecen entre os homes por mor dunha producción de bens materiais para a cobertura de necesidades.
  • ... constitúe un plantexamento revolucionario marxiano: "O modo de producción da vida material condiciona o proceso da vida social, política e intelectual en xeral. Non é conciencia dos homes a que determina a realidade; pola contra, a realidade social é a que determina a súa conciencia".
  • A economía política identificase como a ciencia social burguesa -sen connotaión pexorativa- e a angueira marxiana estriba primeiro en elaborar a crítica desa ciencia.
  • O capitlaismo crea mercados ainda que destrua estruturas produtivas preexistentes e simplifique a división do traballo. (...) Os mercados dos produtos minerais estratéxicos para o desenrolo industrial contemporáneo (...) en Galiza: suscitan a expoliación perpetuada baixo formas anovadas.
  • A uns para que o aprendan, a outros, por se o esqueceron, e máis sobre todo a eses compatriotas, para que saiban que o son, cantareilles; En pé os escravos da terra. Axuntémonos todos: e a loita final.
  • A principal mensaxe da General Theory consistía en que o pleno emprego só podía conseguirse a condición de que o goberno estivera para intervir -se cadra drástica e continueamente- no libre funcionamento da economía.
  • A realidade que nos arrodea é unha proba rotunda. Quéirase ou non, guste ou non guste, Galiza é unha poderosa realidade colectiva que, ainda a risco da súa aniquilación impón hoxe por hoxe a súa rexa lei: a lei dos feitos evidentes. A súa dimensión económica é indisiozabel das súas dimensións xeográfica, social, cultural ou política. Aínda máis: Galiza é un feito económico singular e peculiar porque, e mesmamente porque, é ao propio tempo un feito antropolóxico, un feito social, un feito cultural, un feito político. Galiza é unha estrutura global, unha totalidade estruturada de rango superior. Ningún dos seus elementos ten sentido pleno sen referencia estrita nas súas interralacións cos demais do seo do conxunto, desa totalidade co seu propio sistema de transformacións, coa súa propia dinámica social, co seu propio talante colectivo. Ignorar isto sería unha necidade. Ocultalo sería un fraude. Proclamalo e operar de costas el é unha hiprocresía.
  • Subdesenrolo, persistencia de modos precapitalistas de produción artelladas co capitalista dominante, e colonialismo interno, son, xa que logo, ao meu ver, marcos categorías e teóricos referenciais necesarios, máis ca simplemente acaídos, para apreixarmos a problemática estrutural da economía galega no seu pleno alcanzo (...) Mais Galiza non é en rigor unha formación dependente, senón unha economía sometida e espoliada e máis unha nación asoballada aínda hoxe.
  • Non soamente fomos capaces de impedir o éxodo, senón que tampouco fomos capaces de crear o mínimo de condicións axeitadas para que a ausencia dos emigrados fora un fenómeno transitorio e que a súa volta se trocara nun feliz acontecemento.
  • Socialicemos os recursos enerxéticos e nacionalicemos a súa extracción, producción e distribución.
  • A condición de colonia supón unha opresión combinada nos planos económico, cultural e político, unha situación que se consuma ao traveso, conxuntamente, das esferas económica, xurídico-política e ideolóxica.
  • Se a economía galega vai a ser unha plataforma de implantancións industriais que non responden a lóxica do noso desenrolo interno eas súas existencias, senón á lóxica e ás esixencias do desenrolo exterior, non é nada probabel que o problema emigratorio se resolva nin siquiera se aminore.
  • E insisto: o modelo de indistrialización que temos a vista é o que conduciu a civilización industrial vixente; non é por forza o que terá vixencia no futuro.
  • Ningunha clase explotada se redime nunha votación, ningún pobo asoballado se autodetermina nun plebiscito.
  • Ningunha soberbia do "saber" conduce a ningures: pola contra, paraliza e mirra, converte en dogma calquera teoría en apoloxética calquera discurso argumental.
  • Está comprobado que os labregos, obreiros, mariñeiros e tododiós entenden cando se lles explica con sinxeleza, ainda a aqueles que despois de comprendéreno e vibraren coa vivencia da íntima liberdade florecida van e votan ao cabo o que lles mandan. O Avilés díxollelo por adiantado dun xeito ben fermoso e lúcido: "Non teremos o voso voto, mais ainda así, seguiremos a ser a vosa única voz".
  • Ramonet di verdades tan atroces, por veces, que se eu as dixera no parlamento de Galiza correríanme a paos (...) "Nos seus esquemas o poder político non é máis que o terceiro poder, pordiante atópase o poder económico e o poder mediático, e en canto se posúen estes, facerse co poder político non é máis que un simple trámite".
  • Cando alguen me di: "no é que eu son internacionalista", está utilizando un termo que se compón dun prefixo que é inter e despois nacionalista, e se non existise o termo nación xa me pode vostede explicar que podería significar internacional.
  • Derrúbase un mundo sen que as xentes o decidan, emerxe outro mundo sen que as xentes o discutan.
  • Algunhas veces dáme a impresión de que miro para os lados, traballando na política, e digo: ¿onde está a sociedade civil? E non a vexo reaccionar. Máis dunha vez eu lánzome, avanzo, políticamente xógome moitas cousas, pensando que iso que chaman a sociedade civil o está reclamando, pero cando miro ao redor digo ¿onde esá?
  • É caricatura, ben sei. Mais, coas caricaturas, a cuestión non estriba en se teñen a fidelidade icónica dos retratos realistas, senón en se un recoñece nelas ao personaxe.
  • Se o saber e o poder político conforman un binomio, se universidade galega e institucións de autogoberno entran en ecuación, o ricaz potencial que acobillan a natureza, os seres humáns e as estruturas socioeconómicas do noso país poderá verquerse en diseños sistemáticos sustentabeis, haberá espranza para a nosa nación e abriránse as portas para que Galiza poda sobardar a longa era da súa prehistoria e entrar na propia historia de vez.
  • O nacionalismo galegista é primeiro de todo unha cultura cívica de xenerosidade, unha cultura democrática de fraternidade, unha cultura política emancipadora. Ousarei dicilo: unha subxacente cultura libertaria.
  • O intelectual móvese por valores, o político móvese pola ambición. Entendédeme: rifírome á honorábel ambición de facer posíbel o que é necesario para o benestar dos cidadáns. (...) Despois, este obxectivo instrumental, na práctica, tende a sufrir unha singular metamorfose: converterse nun fin en si mesmo. Daquela fica aberto o risco dun frecuente proceso dexenerativo: a honorábel ambición transfórmase en cobiza do poder.
  • Na tradición do nacionalismo galego, tanto na súa historia como até na sua prehistoria, o valor da fraternidade impregna o principio e a vivencia galeguista da irmandade, mesmamente.

Actualización a 10 de outubro de 2008:

Xosé Manuel Beiras apresentou o pasado 9 de Outubro a redición de “Por unha Galiza Liberada” na libraría Couceiro de Santiago. Acompañárono Miguel Anxo Fernán Vello, responsábel editorial de Espiral Maior e o economista Xabier Vence, que destacaron a vixencia dos conteúdos nesta etapa de crise do modelo capitalista neoliberal, así como a necesidade de manter as teses soberanistas cara à emancipación nacional (ver video).

sábado, 26 de julio de 2008

Os Grouchos

Ler Os Grouchos é coma embarcar hacia unha viaxe no tempo, unha viaxe na que se mira de esguello, unhas veces, e de frente, noutras, a realidade nacional galega, a política, a cultura, a natureza, as tradicións (sobre todo o arraigo de malas costumes e a perda das boas),... unha realidade que trata de rebuscar no pasado valores perdidos ó mesmo tempo que albisca un futuro de esperanza.

Iso si, ten Manuel Rivas unha teima co "país portátil" que non comparto. Di Rivas que o pobo de Israel é un "país portatil" porque alí onde está un xudeo coa sua tora está o seu país. É discutibel. Mais hai unha clara diferencia: Israel é un pobo sen terra (a ocupada non conta, pra min) e Galiza e un pobo con terra. É máis. É un pobo totalmente arraigado a sua terra. Ben sei o que quere decir, que levemos a nosa cultura alá onde vaíamos,... mais non podemos levar o noso país, a terra. Galiza sen terra non é país.

Si estou dacordo coa sua visión sobre o bipartito, un mal necesario. Mal porque nos están decepcionando a todos, a socialistas e a nacionalistas; necesario porque a sociedade galega necesitaba poñer fin a un periodo que, ainda que positivo para Galiza, nos últimos tempos afundíase entre as sombras do Prestige... e do caciquismo. Fala Rivas de Estado de Malestar, de contentamento descontente. Esta situación dase porque o bipartito gasta tódalas suas forzas non en gobernar, en "ver" quen dos dous, socialistas e nacionalistas, fai máis pola cidadanía galega, senón en "facer ver" a cidadanía quen é o que máis fai; esquecéndose, moitas veces, de facer algo. É de lamentar. Gástase máis en publicidade que en obras. É o prezo da imaxe, da foto en portada, a diferencia entre a cor e o branco e negro nun xornal. Segundo o que se invirta nos medios de comunicación privados -nos públicos, por certo, so se nota o cambio en que agora os que manipulan son outros- vaise ter máis ou menos espazo... e a máis espazo máis votos. É a diferencia entre ser visibel ou invisibel nunha sociedade marcada pola imaxe. Claro que aquí Manuel Rivas non pode entrar... está a soldo de El País. Fai ben.

Pódense atopar outros moitos artigos, interesantes todos eles, sobre a Cidade da Cultura, a Feira internacional do Libro en La Habana (vaía polémica máis absurda se levantou por isto), a lingua ou o bilingüismo, así como o público recoñecemento a galegos ilustres do pasado e presente da nosa cultura. Ademáis Os Grouchos fai unha gran aportación de citas célebres e non tan célebres de grandes autores da cultura mundial... e todo isto misturado con moita retranca.

domingo, 8 de junio de 2008

o señor dos aneis

Se a película de "O Señor dos Aneis" vos pareceu algo impresionante -a min séguemo parecendo despois de vela máis de dez veces- e ainda non lestes o libro que deu orixe a aquela aconséllovos que vos poñades a ler. Ides atopar moitas sorpresas, pois non todo sucedeu tal e como se pode ver na película, ni todo o que aparece nela foi escrito previamente por J. R. R. Tolkien, nin todo o que foi escrito está nela reflexado. É lóxico. O cine non se inventou para encher películas con largos monólogos, entre outras moitas cousas. Soamente por isto, por esas intrahistorias, merece a pena lelo libro de "O señor dos Aneis". Eu, coma sempre, fun anotando algúnhas frases que me gustaron e que tanto na vida, coma na política, forman parte da miña filosofía:

  • O traballo que nunca se empeza é o que máis tarda en rematarse.

  • Non estou enteiramente o lado de ninguén porque ninguén está enteiramente do meu lado.

  • Non desprecies as tradicións antigas: ocorre a miudo que os vellos gardan na sua memoria cousas que os sabios doutro tempo necesitan saber.

  • De certas empresas pode dicirse que é mellor emprendelas que rexeitalas ainda que o fin se anuncie sombrío (esta frase lémbrame moito a unha de Imperium).

  • O dano do mal acostuma a volverse contra o propio mal.

  • Moitos dos que viven merecen morrer e algúns dos que morren merecen a vida. Podes devolver a vida? Logo non te apresures en outorgar a morte, pois nin o mais sabio coñece o fin de tódolos camiños.

  • Si non hai máis que un camiño terei que tomalo.

  • Máis vale desconfiar de verbas inmerecidas que de verbas irreflexivas.

  • As palabras fermosas esconden a veces un corazón infame.

  • Si a cabeza non é a mellor parte do teu corpo, confía sempre no teu corazón.

domingo, 18 de mayo de 2008

Os xenios invisibles da cidade

Fai tempo, moito tempo, lera este libro e últimamente volvín a él para comparar a situación política actual de certos líderes políticos -que non vou citar- con aqueles casos tratados en "O Poder" por Guglielmo Ferrero.

Para empezar vou explicar brevemente e dun xeito un tanto subxectivo o que son os xenios invisibles da cidade. Para G. Ferrero o poder e unha das cualidades que diferencian a uns homes de outros que mais necesitan ser xustificadas. Cando alguén nos da unha orde, consciente ou insconscientemente, sempre nos preguntamos porque deberíamos aceptala. Esa pregunta ten que atopar irremediablemente unha resposta que sea xusta e razoable, pois si non é así non obedeceremos; e para que exista un pretexto xusto e razoable será necesario que se cumplan os principios de lexitimidade. Os principios de lexitimidade admitidos pacíficamente na actualidade son o principio electivo e o principio democrático. Noutras etapas históricas os pincipios de lexitimidade dominantes eran o principio hereditaro e o principio aristo-monárquico, principios que ainda hoxe en día perviven tanto nas decisións internas de algúns partidos como na organización de certos estados; sin ir mais lonxe, o xefe de estado do estado Español é un cargo vitalicio e hereditario. Esa situación orixina un conflicto en boa parte dos cidadáns porque non nos parece nin xusto, nin razoable, que unha persoa polo mero feito de nacer nunha familia ou outra obstente un cargo no poder ou sexa un simple súbdito.

Cando ten lugar unha situación semellante o Maligno inquétase, remóvese nos seus soños e reclama o seu protagonismo. Pero ¿Que é o Maligno? O Maligno é, según Guglielmo Ferrero, "un espítitu revolucionario, o espíritu da revolta contra a lei, do odio e o desprecio contra a legalidade que se amoucha no mais fondo dos corazóns humáns". Guglielmo Ferrero lanza unha seria advertencia, que debería ser tida en conta polos líderes políticos actuais, ó engadir: "no momento en que os homes persuadidos polo Maligno se atrevan a violar un principio de lexitimidade, automáticamente caerán presos do mais espantoso dos medos, do mais increible dos horrores e do mais pavoroso dos terrores,... medo, horror e terror desatados pola aparente trivial osadía de decidir romper unha regra case relixiosa".

Ben!! Agora sabemos que detrás desas facianas enchidas de confianza que amosan os nosos líderes se agochan, en moitos casos, en moitos mais dos que creemos, o medo a perda do poder, o horror que lle produce a mais mínima oposición, o espanto da perda de confianza, o pavor de non poder impor a sua autoridade,...

viernes, 22 de febrero de 2008

Un mundo sin fin

Quen leu "Os Pilares da Terra" a bo seguro que non se quedou -ou quedará- sen ler "Un Mundo sin Fin". A trama desta segunda parte empeza 200 anos despois de rematar a da primeira e os seus protagonistas son os descendentes daqueles e transcorre na mesma localidade, Kingsbridge, que agora e toda unha cidade de 7.000 habitantes.

Na primeira parte Ken Follet pérdese en grandes descripcións das artes e oficios da época e, sobre todo, en trazar coa palabra as diferentes formas arquitectonicas do século XII. Desta vez as descripcións son mais breves e, polo tanto, menos precisas. Hai mais novela e menos 'arte' ou, dito doutra maneira, menos traballo de investigación. Pode que o autor tan so búscase, ó rebufo de 'Os pilares da Terra' facer unha novela moi comercial que tivese un gran éxito de ventas. Si era eso o que quería dende logo que o conseguiu. O que si non puido lograr foi igualar, nin tan siquera acercarse, ó nivel literarario da primeira parte. E mais, a trama é tan semellante a de 'Os pilares da terra' que 'Un mundo sin fin' semella un plaxio daquela. A diferencia aquí está en que a gran obra que se realiza é unha reparación da primeira, e dicer, da Catedral de Kingsbridge, en concreto da torre -por certo, inspirada na construcción da torre de Santa Maria de Gasteiz. Outra variante está na eterna loita polo poder, que na primeira parte se daba entre clero e nobreza, e agora aparece unha terceira forza, o capital, encarnado polos mercaderes, que é o que move a uns e outros, nunha ou outra dicrección, en función do diñeiro que estén dispostos a aportar. E por último, diferenciase esta segunda parte da primeira en que aparece, xunto coa fame derivada das épocas con malas colleitas, a peste, o cal é causa grandes estragos na trama da novela e, polo tanto, resulta impactante no lector.

lunes, 14 de enero de 2008

O Capital

Ao fin rematei a lectura deste libro agasallado polo compañeiro e amigo Lino tras unha conversa na que, polo visto, amosei -non so eu- certas carencias en canto o dominio de conceptos básicos de economía. Eche ben certo que non hai mal que por ben non veña.

Michel Husson di na introdución a esta versión resumida de "O Capital" que hai que aprender a ser radical, e dicer, que hai que ir a raiz das cousas. É por iso que pra comprender o mundo capitalista actual faise necesario acudir a obra de Karl Marx porque éste autor analizou, coma ninguén o fixo endexamais, con acertada sagacidade éste fenómeno.

Pode decirse que "O Capital" é unha obra moi actual a pesares do paso do tempo, pois léndoa decátaste de que moitos dos perigos que no capitalismo viu Marx no seu tempo e se creían esaxerados son hoxe en día unha realidade, pois é ben certo que o capital domina e condiciona o funcionamento da sociedade moderna, creando de xeito continuo novas necesidades e enrolándonos nunha espiral consumista.

Non ía moi errado Marx cando chegou a comparar o capitalismo co feudalismo ou ca escravitude. Ainda así estes dous fenómenos parecíanlle a Marx mais nobles; pois quen traballaba para o señor feudal era consciente de cando traballaba pra él e cando non; o mesmo sucedía co escravo que era consciente de que traballaba sempre para o seu amo. Na actualidade chegamos a ter a falsa creencia de que sempre traballamos pra nos, cando en realidade adicamos unha parte do noso tempo para o sustento propio e o restante para o capitalista, pois a diferencia do que creemos o capital por si mesmo non pode producir mais capital, senón que é o traballo non pagado o que xenera proveito para o empresario.