domingo, 4 de enero de 2009

Galiza, pequena nación

En Grandes Imperios, Pequenas Nacións Josep M. Colomer fai unha análise da viabilidade das pequenas nacións nun novo orden mundial dominado por grandes imperios e restándolle protagonismo e influencia, tanto a escala local como mundial, ós estados.

Para Josep M. Colomer “calquera traballo serio en ciencias sociais debería concretar: definicións e clasificación, cuantificación, hipóteses causais e teoría explicativa”. Tratarei de respectar ó máximo esta clasificación no ensaio que segue.

Os conceptos fundamentais tratados son tres: imperio, estado e nación. Co primeiro termo faise mención á estrutura política de maior tamaño, en territorio e poboación, con ausencia de límites fixos e con tendencia a expandirse, composto por diversos grupos e unidades territoriais, no que coexisten un conxunto de xurisdicións a múltiples niveis, a miúdo superpostas. É habitual confundir ‘imperio’ con réximes autoritarios e non ten porque ser así, poden albergar calquera réxime político, dende o autoritarismo de China á democracia de EEUU. Galiza pertence ó imperio europeo, un mperio en construcción.

As características que definen a un estado son o seu tamaño, menor que o do imperio, sendo normalmente grande ou mediano, o seu territorio é fixo e as súas fronteiras son formais, é soberano e monopoliza a xurisdición no seu territorio, independentemente do réxime político do que goce. Os estados tenden a homoxeneizar a administración e as características sociais e culturais do pobo. España é o estado ó que pertence Galiza, iso sí, un estado moderno, non soberano.

A nación é a forma de goberno máis pequena que estudaremos neste libro, ten altos grados de homoxeneidade étnica, definida polas características raciais, lingüísticas e relixiosas dos seus membros e sole adoptar formas de goberno simples e suaves, basadas na facilidade para configurar unha maioría social. A miúdo a nación confúndese co estado, co que coincide, pero non sempre é así. No mesmo estado poden confluír varias nacións, como sucede en España, ou varios estados poden dar lugar a unha soa nación, o exemplo máis notable é EEUU (varios estados, una nación e un imperio).

EEUU é na actualidade o imperio dominante no mundo, polo seu poderío económico e, sobre todo, militar. Sen embargo, outros imperios estanse desenrolando a un ritmo máis acelerado, ata o punto que xa se prevé que poidan igualalo -ou superalo- nun futuro próximo.

Os imperios que ameazan o seu dominio son China e Europa, pero tamén India, Brasil ou Rusia están experimentando notables avances. O autor tamén destaca la idoneidade da creación dun imperio en Oriente Próximo ou en África para rebaixar as tensións bélicas de ambas zonas. Sen embargo, estados, no mundo hai preto de 200. A súa tendencia foi a alza nas derradeiras décadas froito da segregación pacífica ou militar doutros estados, dando lugar a estados cada vez más pequenos. O maior aumento produciuse pola descolonialización, polo colapso da URSS e polas tensións políticas dos Balcáns.

O incremento de estados e o seu reducido tamaño obriga estes a unirse a outros para afrontar problemas comúns: de seguridade, económicos, estruturais e/ou políticos. A maior parte dos estados serían inviables fora das grandes redes de tamaño imperial. Isto sucede con multitude de estados resultado da descolonización que foro incapaces, por si sos de prover ós seus cidadáns dunha estrutura administrativa, de seguridade, alimentos, etc. Son os denominados estados fallados.

En Europa púidose por fin ás grandes guerras grazas á creación dunha zona económica común que posteriormente foi aumentando as súas competencias noutras áreas como o medioambiente, a cooperación policial e xudicial, política exterior, educación, cultura,… As alianzas militares permiten reducir o gasto dos estados en exércitos, a especialización dos mercados permite aumentar a produción, a promoción dunha lingua franca, o inglés, axuda a mellorar o entendemento entre diferentes culturas,… Pero a máis importante característica da creación do imperio europeo é a estabilización das democracias e o estado de benestar en todos os países membros.

O autor fai tamén referencia a dous casos particulares, o de Catalunya e o de Euskadi. Sobre Euskalerría di que é unha comunidade demasiado pequena para poder ser decisiva no Estado español, dahí a vontade independentista dunha importante parte da poboación. Tamén fai referencia á división étnica da sociedade vasca, froito das migracións sociais previas á democracia, o que supuxo un freo importante no proxecto para a libre determinación de Euskadi.

Catalunya, por poboación, a diferenza de Euskadi, si é determinante na gobernabilidade do Estado español, por iso se sente máis cómoda; sen embargo, sempre buscou máis autogoberno. Tal vez o imperio europeo sexa o marco no que se cumpran as súas expectativas.

Coincido co autor en que o mundo avanza cara unha era na que o estado irá perdendo influencia política a favor das nacións respecto ós cidadáns. Isto sucede por dous motivos: o primeiro, a descentralización política dos estados a favor de entes menores que poden adoptar multitude de formas -comunidades autónomas, provincias e concellos, no estado ó que pertencemos, ou cantón, lander, provincia,… noutros estados-. En España, na descentralización do Estado, tiveron gran importancia os nacionalismos, principais demandantes de novas transferencias. Logo, as iniciativas xurdidas dos partidos nacionalistas, vascos e cataláns, principalmente, sumáronse posteriormente outras comunidades autónomas que acabaron comprendendo que a xestión é moito máis eficiente canto máis preto están os órganos decisorios da cidadanía. Amais, o seren unidades máis pequenas as novas formas de goberno, propiciarán democracias máis participativas, nas que o cidadán e os novos movementos sociais, grazas ó desenrolo das novas tecnoloxías da información e do coñecemento, irán gañando protagonismo nas decisións colectivas. Coincidimos en que a tendencia da estrutura política do futuro estará dominada por grandes imperios e pequenas nacións, sen embargo, non se fai mención á forma na que pequenas nacións como Catalunya, Euskadi ou Galiza poderían pasar a formar parte directa dese gran imperio sen a intermediación do Estado español.

Josep M. Colomer tamén fai unha pequena referencia sobre o sistema electoral actual e o castigo ó que este somete ás pequenas formacións políticas, formacións que poderían xogar un papel importante na política do Estado de non establecerse un sistema que premie en exceso ó partido máis votado en cada circunscrición, independentemente de que sexa nacionalista ou non, sento este sistema especialmente inxusto nas circunscricións pequenas.

É por isto polo que o autor fala de baixa calidade democrática, porque este sistema provocou a desaparición de moitos pequenos partidos no pasado, que poderían ser decisivos no seu momento cun sistema máis xusto, pero moito máis no futuro. A elección deste sistema non foi casual, crían os que o adoptaron que con el se beneficiaría a dereita do país, despois dunha ditadura de dereitas que durou corenta anos, chegaron a pensar, non hai dúbida, que a xente non aceptaría outra opción distinta. Non foi así. Posteriormente, o partido que ocuparía o poder nunca cambiaría ese sistema, porque lle beneficia; aínda así, foi posible a alternancia no poder.

O autor defende a política unilateral de EEUU en referencia á guerra de Irak ó defender que se deben establecer democracias pola forza para aumentar a seguridade no mundo baixo a premisa de que xamais un estado democrático iniciara una guerra. Este razoamento é un tanto incoherente en canto que, EEUU, como estado democrático, si iniciou guerras de xeito unilateral, entre elas a de Irak. O máis probable é que esa guerra sexa froito dos movementos expansivos do imperio americano que non da democracia de EEUU. Son os perigos dun imperio, fenómeno que tampouco foi analizado neste libro.

Tamén fai referencia ó concepto de soberanía, ó parecer un concepto en constante revisión. Si entendíamos, nun principio, por soberanía a autoridade suprema que un estado ten sobre un territorio e unha poboación, e consideramos esta característica como algo propio dun estado, é evidente que no mundo actual poucos estados poderían denominarse así. A cesión de competencias que moitos estados, entre eles España, fixeron a favor de entes superiores, xa sexa en materia militar, económica e incluso política, fixeron que estes estados perderan parte da sua soberanía e, polo tanto, deberían deixar de ser denominados como tales. A reformulación deste concepto, coa que non concordo, chega a dicir que soberanía é o dereito que ten un estado para unirse a unha entidade imperial. A solución máis factible e coherente sería a facer uso de conceptos diferenciados: estados soberanos e estados non soberanos.

UN EXEMPLO ACTUAL

Recentemente Groenlandia, unha rexión de Dinamarca, aprobou un novo estatuto que lle da máis poder de autogoberno e que supón un paso moi importante cara á autodeterminación. Esta rexión ten unha extensión moi importante e unha poboación moi pequena -pouco máis de 50.000 persoas- pola hostilidade do clima. Este podería tratarse dun claro exemplo de nación pequena que necesita un imperio para sobrevivir. Ata agora Dinamarca foi a gran provedora de estruturas, administración, servizos sociais, etc. pero co descubrimento de importantes xacementos petrolíferos que co desxeo serán doadamente accesibles, Groenlandia pode ser máis que autosuficiente. O problema que se lle aveciña, no suposto de independizarse de Dinamarca, é a loita que, dende outros países, se pode desatar para a explotación deses recursos naturais, da que non poderá defenderse por si soa. Groenlandia estaría nunha posición na que podería prover as necesidades de todos os seus cidadáns, todas menos unha, a súa seguridade. Para poder facelo necesitaría formar parte dun imperio –actualmente xa forma parte do europeo a través de Dinamarca-.

GALIZA, PEQUENA NACIÓN

Nunha situación semellante podería atoparse Galiza nun futuro máis ou menos próximo. Na actualidade Galiza tamén se atopa ligada ó imperio europeo pola súa pertenza o estado español e de seguir as tendencias políticas actuais de cesión de competencias a entidades superiores -Europa- e inferiores –as rexións- aqueles territorios cunha forte identidade recoñecida, interna e externamente, poderían pasar a formar parte directa deses imperios sen a necesidade de intermediación dun estado. O que si non tería moito sentido, dada a configuración política do mundo actual, sería perseguir a creación en Galiza dun estado-nación, totalmente soberano e desvinculado a organizacións superiores, xa sexan de carácter político, militar ou económico. Para garantir estabilidade económica é preciso ter unha moeda forte e pertencer a un mercado amplo e aberto; para garantir a seguridade, será necesario formar parte dunha alianza militar, pois para Galiza é imposible afrontar o custo dun exercito que manteña afastados as forzas dos grandes imperios -americano, europeo, ruso, chino,...- dos seu recursos naturais terrestres e mariños.

Na actualidade, e máis no futuro, é imposible a supervivencia dun estado, no sentido clásico do termo, provedor de tódolos servizos -infraestruturas, estrutura administrativa, seguridade, comercio, alimento, enerxía, etc. - os cidadáns sen a cooperación supraestatal dun imperio.

No hay comentarios: